Edicións dos contos premiados

Tapas das edicións dos contos premiados nos certames organizados polo EDLG e a Biblioteca do centro.

Advertisements

Cadernos calendario

Este ano os cadernos van adicados a María Victoria Moreno, sobre unha imaxe titulada “Olladas ao noso mar”, correspondente ao proxecto que o pintor Antón Sobral levou a cabo este curso co noso alumnado.

Charla interxeracional

Xa rematado o Mes Cultural e antes de recoller a exposición que ilustra o PDI deste curso, o alumnado de EBI (adultos de entre 70 e nalgúns casos máis de 90 anos) explicaron ao alumnado de 1º ESO como era a vida dos homes e mulleres que viviron tradicionalmente do mar.

Relatos de grande dureza narrados en primeira persoa foron escoitados atentamente polos pequenos do instituto, que ademais participaron activamente facendo preguntas e compartindo as súas actuais circunstancias con familiares tamén no mar ou lonxe, emigrados.
 

Intercambio co IES “Eduardo Pondal” de Ponteceso (II)

O xoves 24 de maio tivo lugar a segunda parte do intercambio co IES Eduardo Pondal de Ponteceso. Desta volta recibímolos en Noia.
Para comezar, no salón de actos do centro visualizamos algúns dos traballos audiovisuais realizados polo noso alumnado cando visitaron Ponteceso.
A continuación o profesorado de Educación Física organizou unha xincana para grupos formados por alumnado de ambos centros para que confraternizasen.
Acto seguido dirixímonos ao concello de Noia, onde a concelleira Concha Allut iniciou con nós unha visita guiada pola vila, recalcando a figura do poeta Antón Avilés de Taramancos.
Finalmente continuamos camiño ata a praia de Boa, onde fixemos o xantar.

Entrega de premios do Certame Literario

O 16 de maio tivo lugar no noso centro a entrega dos premios do XXIV Certame Literario «Alberto Romasanta» que convocamos cada ano os dous institutos de Noia.

Nesta ocasión fixemos unha pequena homenaxe á figura de María Victoria Moreno e tivemos a sorte de contar como artista convidado a Cándido Pazó, que nos contou preciosas e divertidas historias relacionadas co mundo do mar.
 

Obradoiro de regueifas

O luns 14 de maio regueifamos toda a tarde con Alba María e Sara Marchena. Primeiro con alumnado de 1º de bacharelato e a continuación cos da ESA e EBI.
Comezaron facendo unha presentación de si mesmas regueifando para logo ensinar as técnicas básicas para poder realizar a actividades. E así regueifamos todos.


 
ALBA MARÍA (Las Palmas de Gran Canaria, 1995)

Cantora, compositora e improvisadora oral galega. Graduada en Lingua e Literatura Galegas. Con 18 anos gaña o I Certame de Canción de Autor do Concello de Teo, a raíz do cal ve a luz o seu primeiro disco: Aínda (2014). Desde os 13 anos mergúllase no mundo da música popular galega, desenvolvendo unha intensa actividade, eminentemente no eido da regueifa, con mestres improvisadores como Josiño da Teixeira, Pinto de Herbón, Luís O Caruncho ou o decimero cubano Alexis Díaz-Pimienta. Colabora co proxecto Regueifesta na introdución da regueifa no ámbito educativo. Arredor da oralidade publica Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo (2017), monográfico centrado na historia e orixes da regueifa.

SARA MARCHENA (Vigo, 1995)

Titulouse en Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Santiago de Compostela no ano 2017 e na actualidade traballa para chegar a ser docente no ensino secundario. Comezou a súa relación coa regueifa no seu instituto de Vigo no ano 2011 cos mestres Pinto de Herbón e Caruncho nos cursos da asociación ORAL de Vigo e no certame escolar de Valadares. Estando xa en Compostela entra en contacto con Sechu Sende e Manolo Maseda para comezar como colaboradora no Proxecto Regueifesta. Dende o ano 2017 imparte obradoiros de Regueifa e Improvisación Oral de distinto tipo con especial atención a Regueifa Feminista ou a perspectiva de xénero dentro do repente galego.
 

Charla «Bioloxía dos bivalvos comerciais da Ría de Muros e Noia»

O pasa do mércores 9 de maio, o alumnado de 1º de Bacharelato de Ciencias asistiu á charla «Bioloxía dos bivalvos comerciais da Ría de Muros e Noia», a cargo de Liliana M. Solís, bióloga da Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia.

A primeira parte da exposición consistiu na explicación dos factores xeográficos que condicionan o ecosistema da zona interior da ría, que determinan unha grande produtividade grazas ao afloramento de augas oceánicas profundas, e un ambiente limpo debido á acción depuradora das extensas marismas das embocaduras dos ríos, libres maioritariamente de urbanización e obstáculos á interacción natural entre as augas continentais e oceánicas.

Nunha segunda parte Liliana expuxo os principais aspectos da bioloxía das especies dos bivalvos filtradores do substrato areoso, como ameixas e berberecho, dando detalles sobre a súa anatomía, alimentación, reprodución, depredadores, distribución das diferentes especies, etc.

A terceira parte centrouse na explotación comercial, na importancia económica desta actividade, nos sistemas de control das condicións da auga e outros factores que poden afectar á cantidade e á calidade do produto..

A charla rematou cunha reflexión sobre a conservación e futuro desta riqueza. Neste aspecto a conferenciante salientou as predicións do impacto do cambio climático: a alteración dos aportes fluviais, dos ventos dominantes e da circulación da auga na ría pode traer cambios difíciles de predicir, pero que é moi probable que supoñan unha ameaza para as especies que se explotan actualmente.