Arquivo por meses: Novembro 2017
Contra a violencia de xénero
25 de Novembro: «Son muller»
Teatro no Liceo de Noia
«Bicos con lingua» é un espectáculo en clave de comedia no que a través de diversas situación cotiás se invita a unha fonda reflexión sobre os usos e abusos da lingua galega.
O grupo Talía Teatro leva impartindo unha clase de Sociolingüística con esta obra —e co seu correlato «Pelos na lingua»— tantos anos que xa é unha das obras máis representadas do teatro galego.
O evento tivo lugar no Liceo de Noia e asistiron os grupos de 3º e 4º da ESO.
Un mariñeiro na Ría de Noia
Charla impartida por Emilio García Portosín (Museo do Mar de Noia)
A charla foi para o 1º ciclo da ESO, dentro do Proxecto do Mar da Biblioteca do centro e en colaboración co EDLG.
O mariñeiro Emilio García fixo un repaso por interesantes anécdotas da súa vida —ten escrito máis de 50 libros— para a continuación comentar as diferentes artes de pesca e maneiras de enfrontarse ao mar cada día.
Finalmente respondeu as preguntas do alumnado.
Día da Ciencia en Galego
O día 8 de novembro, con motivo da celebración do «Día da ciencia en Galego» tivo lugar a charla «A conservación de especies no noso medio litoral», a cargo de Fructuoso Souto Castiñeira e Antonio Veiras Manteiga, axentes de Conservación da Natureza do distrito 4 (Noia). Asistiu alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO.
A charla encádrase na declaración do ano 2017 como «Ano Internacional do Turismo Sostible» por Nación Unidas para facer reflexionar sobre a incidencia do turismo en ámbitos como a protección ambiental e o cambio climático.
A charla tratou o tema da píllara papuda, un pequeno paxariño presente en escaso número nas costas galegas, e que podemos ver en praias próximas como as do Testal e a Aguieira entre outras. A súa circunstancia peculiar é que aniña na area e nas dunas, de maneira que é moi frecuente que a xente que vai á praia e os cans destrúan os seus ovos e niñadas. Estes axentes da conservación da natureza protexen os niños con gaiolas para evitar o problema, xa que esta especie atópase nun estadio previo á extinción en Galicia.
Para maior ilustración do tema tratado engadimos este documental da asociación Anabam.
Obradoiro de ambientación do Samaín
Os luns 23 e 30 de outubro, entre as 14:25 e as 16:20 horas, realizouse un obradoiro de ambientación para o Samaín impartido por Malena Sánchez Barreiro coa colaboración da Rede Solidaria e o Equipo da Biblioteca. O martes 31 víronse os resultados durante a celebración do magosto no instituto.
Premios “Contos de medo” 2017
—Pois aquí estamos de novo.
— Agora imos entregar os premios do concurso de contos de medo que cada ano organiza o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro.
— É un equipo formado por profesorado e alumnado, e que organiza actividades relacionadas co uso da lingua galega.
— Hai que usala para que non se perda.
— Claro.
— E quen foi o xurado?
— Pois o alumnado do equipo que está en 1º e 2º de bacharelato.
— E foron xustos?
— Mmmmmm moi esixentes. Deron un premio por nivel.
— Iso está ben.
— Este concurso realízase para que non esquezamos que o Samaín é unha tradición propia dos pobos da costa atlántica de Europa, entre eles o noso.
— Celebraban a chegada da escuridade porque a partir de agora os días son máis curtos.
— E asociábana ao mundo dos mortos, aos que deixaban lumes polos camiños para que viñesen a visitarnos.
— Por iso metemos luces dentro das cabazas.
— Parece ser que de Irlanda pasou a Estados Unidos cos emigrantes.
— E agora alí celebran o Halloween.
— Moi ben, pois os premiados son os seguintes…
1º ESO:
- 1º Premio: Ramón González Pais con “ A sombra no monte”.
- Accésit: Melany Olenka Ballón con “A máscara”.
2º ESO:
- 1º Premio: Ares Caamaño Martínez con “O espírito do crepúsculo”.
- Accésit: Uxía Lema Pintos con “A Atenea”.
3º ESO:
- 1º Premio: Paula Places Horta con “Graos baixo cero”.
FP Básica:
- Accésit: María Figueroa Blanco con “ As vacacións de Nadal”.
Día da Biblioteca
O día 31 de outubro celebramos o Día da Biblioteca descubrindo a presenza do Mar nas literaturas das linguas que nel se imparten. A continuación déronse os premios do concurso de contos. Asistiu o 1º ciclo de ESO e os premiados. Finalmente rematamos co Magosto para todo o centro.
Foi un día ben completo!
— Ola a todos e a todas.
— Ola!
Estamos hoxe aquí reunidos para celebrar un ano máis o día da Biblioteca.
— E o Samaín.
— Si, pero iso será despois. Agora déixame que che conte por que se celebra sempre o día das Bibliotecas o 24 de Outubro.
— Vai ti a saber…
— Pois faise dende 1997.
— E por que? Eu pensaba que era dende sempre.
— Pois non, é porque en 1992 houbo unha guerra horrible no sur de Europa, no que hoxe son os países de Bosnia-Herzegovina, Serbia, Croacia, Eslovenia, Montenegro..que afortunadamente xa viven en paz.
— E que ten que ver iso coas bibliotecas?
— Pois que nesa guerra queimouse a Biblioteca de Sarajevo, que era moi antiga e valiosa.
O incendio foi provocado e destruíu centenares de miles de libros, aínda que varios volumes puideron ser salvados nos primeiros momentos do incendio porque foi xente a tiralos polas ventás.
— Caramba, non tiña nin idea. Que triste.
— Pois si. Por iso, a Asociación Española de Amigos do Libro infantil e xuvenil celebra este día en colaboración co Ministerio de Cultura.
— Moi boa idea. As bibliotecas son lugares de encontro de lectores de todas as idades coa cultura.
— Si, e este día está adicado especialmente ao público infantil e xuvenil.
— Moi ben, pois imos empezar as intervencións dos nosos compañeiros e compañeiras.
— Pero antes hai que falar doutra cousa.
— De que?
— Do Mar.
— Do Mar? Ai claro. O Proxecto interdisciplinar da Biblioteca!
— O Mar vai ser durante todo o ano o fío condutor de moitas das actividades que se fagan tanto dende a “biblio” como dende as diferentes materias.
— O alumnado de Imaxe e Son vai ter moito traballo, porque o produto final que teremos cando acabe curso vai ter que ver, entre outras cousas, cun traballo audiovisual.
— Nese produto final vaise ver reflexado todo o traballo do curso e poñerase en valor este Mar que nos rodea e ao que lle debemos tanto.
— E que tanto temos que coidar!
— Por suposto.
— Pois a continuación faremos un percorrido polas mostras da presenza do Mar nas literaturas das diferentes linguas que se imparten no centro: Galego, Castelán, Inglés, Francés… esperamos que vos guste!