Arquivo por meses: Abril 2018

Intercambio co IES “Eduardo Pondal” de Ponteceso (I)

O noso centro realiza durante o mes de abril e maio un intercambio co IES “Eduardo Pondal” de Ponteceso.
O día 23 de abril fixemos a viaxe a Ponteceso co alumnado de 3º da ESO para iniciar o intercambio. Fomos recibidos pola dirección do centro e despois de ensinarnos a Biblioteca e o centro en xeral, iniciamos un roteiro guiados polo profesor de Xeografía e Historia, Luís Giadás.
O percorrido foi a pé dende o centro ata a casa de Pondal onde a persoa que se encarga do seu coidado comentou ao alumnado todos os detalles relacionados co autor, a casa e a contorna.
De aí seguimos camiñando polo río ata as dunas e e praia da Barra, para continuar polos cantís cara a Valarés onde comemos todos xuntos. O alumnado aproveitou ese momento para confraternizar.
Tomamos o autobús para subir a Monte Blanco onde xa nos separamos.
Na viaxe de volta fixemos unha parada no Dolmen de Dombate para facer a visita guiada.
O alumnado do noso centro tiña que facer fotos e gravar para realizar unha reportaxe coa profesora de Lingua Galega, Noemí Pazó.

Charla «As artes de pesca»

Félix González Túñez é o director do Museo do Mar de Noia, iniciativa da asociación que leva catorce anos recollendo pezas relacionadas cos labores do mar. O museo instalou unha interesante exposición na entrada do instituto, con redes de máis de cen anos, maquetas de embarcacións, fotografías e gran diversidade de obxectos relacionados coa pesca e o marisqueo. A máis da exposición, o día 23 de abril Félix impartiu unha charla para 2º de bacharelato na que fixo un percorrido pola historia das artes de pesca na ría de Noia dende tempos dos romanos, explicando a evolución das diferentes artes e técnicas. Tras o coloquio o acto rematou coa lectura dun poema do colaborador do museo Emilio García Portosín e unha pitada de tifón, buguina e corno por parte dos asistentes.

Teatro: “Anagnórise”

Mércores 11 de abril: o alumnado de 4º e 3º da ESO asistimos a unha representación teatral sobre a obra “Anagnórise”, da escritora María Victoria Moreno, figura protagonista do Día das Letras Galegas deste ano. Dous actores formaban o elenco que presentou a obra como unha road movie, na que se nos contou a relación de Nicolau con Xulia nunha viaxe desde as Rías Baixas até Madrid. O espectáculo preséntase no desguace onde chegou o coche de Xulia despois do accidente que desencadea a Anagnórise. Dous operarios comezan a desmontaxe do coche e cada peza remitirá a un momento da historia.