Arquivo da categoría: Biblioteca

Día de Rosalía de Castro

Como cada ano celebramos este día con varias actividades:
– Elaboración de pegatinas e carteis co debuxo feito por Uxía, alumna de 1º da ESO, a partir das palabras de Rosalía adicadas ao mar nos seus derradeiros intres.
– Elaboración dunha curta con alumnado de 1º da ESO e o profesor de Imaxe e Son Manuel Torres (en proceso de montaxe).
– Colocación de poemas e versos da autora por diversos lugares do centro.

Entrega de premios do concurso de relatos «Amar o mar»

Aproveitando as xornadas de portas abertas fíxose un acto de acollida do alumnado de Primaria do CEIP Plurilingüe “Rodríguez Cadarso” da Barquiña, que se aproveitou para celebrar a entrega dos premios correspondentes ao concurso de relatos que organizamos conxuntamente entre os dous Equipos de Dinamización da Lingua e da Biblioteca de ambos centros.

O xurado composto por profesores de cada centro escolleu os premiados do centro no que non imparte, e os relatos estaban repartidos nos niveis de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos.

Durante o acto houbo intervencións musicais de alumnado dos dous centros, así como recitado de poemas por parte de alumnado da EBI, e lectura dos relatos premiados, converténdose así nun interesante evento interxeracional.

Os premiados foron:

6º de Primaria:
Lucas Pardo Túñez por “María e o mar”
Antón Palacios Sánchez por “O meu amigo o mar”
1º e 2º ciclo de ESO:
Sofía Isabel Marcano de 2º ESO por “Nostalxia”
Paula Places Horta de 3º ESO por “Ondas amargas”
Bacharelato e Ciclos:
María Creo Rodríguez de 2º Bac (sen título)
Yaiza Collazo Lojo de 1º Administración e Finanzas por “ Amor polo mar”
 

Un mariñeiro na Ría de Noia

Charla impartida por Emilio García Portosín (Museo do Mar de Noia)

A charla foi para o 1º ciclo da ESO, dentro do Proxecto do Mar da Biblioteca do centro e en colaboración co EDLG.

O mariñeiro Emilio García fixo un repaso por interesantes anécdotas da súa vida —ten escrito máis de 50 libros— para a continuación comentar as diferentes artes de pesca e maneiras de enfrontarse ao mar cada día.

Finalmente respondeu as preguntas do alumnado.

Premios “Contos de medo” 2017

Pois aquí estamos de novo.
— Agora imos entregar os premios do concurso de contos de medo que cada ano organiza o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro.
É un equipo formado por profesorado e alumnado, e que organiza actividades relacionadas co uso da lingua galega.
— Hai que usala para que non se perda.
Claro.
— E quen foi o xurado?
Pois o alumnado do equipo que está en 1º e 2º de bacharelato.
— E foron xustos?
Mmmmmm moi esixentes. Deron un premio por nivel.
— Iso está ben.
Este concurso realízase para que non esquezamos que o Samaín é unha tradición propia dos pobos da costa atlántica de Europa, entre eles o noso.
— Celebraban a chegada da escuridade porque a partir de agora os días son máis curtos.
E asociábana ao mundo dos mortos, aos que deixaban lumes polos camiños para que viñesen a visitarnos.
— Por iso metemos luces dentro das cabazas.
Parece ser que de Irlanda pasou a Estados Unidos cos emigrantes.
— E agora alí celebran o Halloween.
Moi ben, pois os premiados son os seguintes…

1º ESO:

  • 1º Premio: Ramón González Pais con “ A sombra no monte”.
  • Accésit: Melany Olenka Ballón con “A máscara”.

2º ESO:

  • 1º Premio: Ares Caamaño Martínez con “O espírito do crepúsculo”.
  • Accésit: Uxía Lema Pintos con “A Atenea”.

3º ESO:

  • 1º Premio: Paula Places Horta con “Graos baixo cero”.

FP Básica:

  • Accésit: María Figueroa Blanco con “ As vacacións de Nadal”.

 

Día da Biblioteca

O día 31 de outubro celebramos o Día da Biblioteca descubrindo a presenza do Mar nas literaturas das linguas que nel se imparten. A continuación déronse os premios do concurso de contos. Asistiu o 1º ciclo de ESO e os premiados. Finalmente rematamos co Magosto para todo o centro.
Foi un día ben completo!

Ola a todos e a todas.
— Ola!
Estamos hoxe aquí reunidos para celebrar un ano máis o día da Biblioteca.
— E o Samaín.
Si, pero iso será despois. Agora déixame que che conte por que se celebra sempre o día das Bibliotecas o 24 de Outubro.
— Vai ti a saber…
Pois faise dende 1997.
— E por que? Eu pensaba que era dende sempre.
Pois non, é porque en 1992 houbo unha guerra horrible no sur de Europa, no que hoxe son os países de Bosnia-Herzegovina, Serbia, Croacia, Eslovenia, Montenegro..que afortunadamente xa viven en paz.
— E que ten que ver iso coas bibliotecas?
Pois que nesa guerra queimouse a Biblioteca de Sarajevo, que era moi antiga e valiosa.
O incendio foi provocado e destruíu centenares de miles de libros, aínda que varios volumes puideron ser salvados nos primeiros momentos do incendio porque foi xente a tiralos polas ventás.

— Caramba, non tiña nin idea. Que triste.
Pois si. Por iso, a Asociación Española de Amigos do Libro infantil e xuvenil celebra este día en colaboración co Ministerio de Cultura.
— Moi boa idea. As bibliotecas son lugares de encontro de lectores de todas as idades coa cultura.
Si, e este día está adicado especialmente ao público infantil e xuvenil.
— Moi ben, pois imos empezar as intervencións dos nosos compañeiros e compañeiras.
Pero antes hai que falar doutra cousa.
— De que?
Do Mar.
— Do Mar? Ai claro. O Proxecto interdisciplinar da Biblioteca!
O Mar vai ser durante todo o ano o fío condutor de moitas das actividades que se fagan tanto dende a “biblio” como dende as diferentes materias.
— O alumnado de Imaxe e Son vai ter moito traballo, porque o produto final que teremos cando acabe curso vai ter que ver, entre outras cousas, cun traballo audiovisual.
Nese produto final vaise ver reflexado todo o traballo do curso e poñerase en valor este Mar que nos rodea e ao que lle debemos tanto.
— E que tanto temos que coidar!
Por suposto.
— Pois a continuación faremos un percorrido polas mostras da presenza do Mar nas literaturas das diferentes linguas que se imparten no centro: Galego, Castelán, Inglés, Francés… esperamos que vos guste!