Arquivo da categoría: Mes Cultural

Obradoiro de regueifas

O luns 14 de maio regueifamos toda a tarde con Alba María e Sara Marchena. Primeiro con alumnado de 1º de bacharelato e a continuación cos da ESA e EBI.
Comezaron facendo unha presentación de si mesmas regueifando para logo ensinar as técnicas básicas para poder realizar a actividades. E así regueifamos todos.


 
ALBA MARÍA (Las Palmas de Gran Canaria, 1995)

Cantora, compositora e improvisadora oral galega. Graduada en Lingua e Literatura Galegas. Con 18 anos gaña o I Certame de Canción de Autor do Concello de Teo, a raíz do cal ve a luz o seu primeiro disco: Aínda (2014). Desde os 13 anos mergúllase no mundo da música popular galega, desenvolvendo unha intensa actividade, eminentemente no eido da regueifa, con mestres improvisadores como Josiño da Teixeira, Pinto de Herbón, Luís O Caruncho ou o decimero cubano Alexis Díaz-Pimienta. Colabora co proxecto Regueifesta na introdución da regueifa no ámbito educativo. Arredor da oralidade publica Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo (2017), monográfico centrado na historia e orixes da regueifa.

SARA MARCHENA (Vigo, 1995)

Titulouse en Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Santiago de Compostela no ano 2017 e na actualidade traballa para chegar a ser docente no ensino secundario. Comezou a súa relación coa regueifa no seu instituto de Vigo no ano 2011 cos mestres Pinto de Herbón e Caruncho nos cursos da asociación ORAL de Vigo e no certame escolar de Valadares. Estando xa en Compostela entra en contacto con Sechu Sende e Manolo Maseda para comezar como colaboradora no Proxecto Regueifesta. Dende o ano 2017 imparte obradoiros de Regueifa e Improvisación Oral de distinto tipo con especial atención a Regueifa Feminista ou a perspectiva de xénero dentro do repente galego.
 

Charla «Bioloxía dos bivalvos comerciais da Ría de Muros e Noia»

O pasa do mércores 9 de maio, o alumnado de 1º de Bacharelato de Ciencias asistiu á charla «Bioloxía dos bivalvos comerciais da Ría de Muros e Noia», a cargo de Liliana M. Solís, bióloga da Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia.

A primeira parte da exposición consistiu na explicación dos factores xeográficos que condicionan o ecosistema da zona interior da ría, que determinan unha grande produtividade grazas ao afloramento de augas oceánicas profundas, e un ambiente limpo debido á acción depuradora das extensas marismas das embocaduras dos ríos, libres maioritariamente de urbanización e obstáculos á interacción natural entre as augas continentais e oceánicas.

Nunha segunda parte Liliana expuxo os principais aspectos da bioloxía das especies dos bivalvos filtradores do substrato areoso, como ameixas e berberecho, dando detalles sobre a súa anatomía, alimentación, reprodución, depredadores, distribución das diferentes especies, etc.

A terceira parte centrouse na explotación comercial, na importancia económica desta actividade, nos sistemas de control das condicións da auga e outros factores que poden afectar á cantidade e á calidade do produto..

A charla rematou cunha reflexión sobre a conservación e futuro desta riqueza. Neste aspecto a conferenciante salientou as predicións do impacto do cambio climático: a alteración dos aportes fluviais, dos ventos dominantes e da circulación da auga na ría pode traer cambios difíciles de predicir, pero que é moi probable que supoñan unha ameaza para as especies que se explotan actualmente.

Charlas de Manuel Núñez Singala

O luns 7 de Maio contamos coa presencia no noso centro de Manuel Núñez Singala en dúas charlas coloquio con alumnado.

A primeira delas permitiu aos alumnos/as de 2º ESO achegarse á historia real do afundimento do buque Santa Isabel, novelada polo autor na súa obra “Noite de temporal”, de lectura obrigatoria na materia de lingua galega.

Na segunda charla, co alumnado de 1º ESO, compartiu o proceso de creación e as diferentes postas en escena de “O achado do castro”. Unha alumna de 3º da ESO mostrou o booktrailer que fixo sobre esta obra e ao final houbo unha pequena lectura dun fragmento así como un coloquio con preguntas e curiosidades por parte do alumnado.
 

Charla «O proceso de construción do barco sancosmeiro»

Manuel González Videla, carpinteiro de ribeira dende os doce anos, explicounos a complexa construción do barco de transporte de pedra procedente da mina de San Cosme, de aí o seu nome: o sancosmeiro.
Foi unha embarcación moi utilizada na ría entre as décadas 40-70. Perfectamente deseñado para o transporte de pedra polo pouco calado da ría, tiña apenas quilla e a metade de eslora era a medida da manga, proporcionándolle esas medidas a súa típica aparencia, así como gran capacidade e estabilidade. Acabou sendo usado para todo tipo de mercadorías e converténdose nunha especie de “autobús de liña” para os habitantes da ría. Os carpinteiros de ribeira -explicounos Manuel- eran verdadeiros enxeñeiros e cun instinto extraordinario xa que, con apenas tres medidas como indicación, construían un sancosmeiro de centos de pezas que encaixaban á perfección… Hoxe en día, Manuel aínda segue a construír pequenas xoias de enxeñería naval a escala, que tivemos o pracer de admirar durante a charla á que asistiu alumnado de 1º A e B de Bacharelato coa súa profesora de Tecnoloxía, así como alumnado de FP Básica.

Booktrailer: O Achado do Castro

O vindeiro luns 7 de maio contaremos coa presenza de Manuel Núñez Singala que dará unha charla para o alumnado de 1º de ESO sobre “O achado do castro” e outra para 2º de ESO sobre “Noite de temporal”.

Imos preparándoa con este booktrailer sobre o texto máis lido no noso centro, feito pola alumna Clara Rey de 3º de ESO.

Animádevos a lelo se aínda non o fixestes!
 

Charla «As artes de pesca»

Félix González Túñez é o director do Museo do Mar de Noia, iniciativa da asociación que leva catorce anos recollendo pezas relacionadas cos labores do mar. O museo instalou unha interesante exposición na entrada do instituto, con redes de máis de cen anos, maquetas de embarcacións, fotografías e gran diversidade de obxectos relacionados coa pesca e o marisqueo. A máis da exposición, o día 23 de abril Félix impartiu unha charla para 2º de bacharelato na que fixo un percorrido pola historia das artes de pesca na ría de Noia dende tempos dos romanos, explicando a evolución das diferentes artes e técnicas. Tras o coloquio o acto rematou coa lectura dun poema do colaborador do museo Emilio García Portosín e unha pitada de tifón, buguina e corno por parte dos asistentes.