Charla «O proceso de construción do barco sancosmeiro»

Manuel González Videla, carpinteiro de ribeira dende os doce anos, explicounos a complexa construción do barco de transporte de pedra procedente da mina de San Cosme, de aí o seu nome: o sancosmeiro.
Foi unha embarcación moi utilizada na ría entre as décadas 40-70. Perfectamente deseñado para o transporte de pedra polo pouco calado da ría, tiña apenas quilla e a metade de eslora era a medida da manga, proporcionándolle esas medidas a súa típica aparencia, así como gran capacidade e estabilidade. Acabou sendo usado para todo tipo de mercadorías e converténdose nunha especie de “autobús de liña” para os habitantes da ría. Os carpinteiros de ribeira -explicounos Manuel- eran verdadeiros enxeñeiros e cun instinto extraordinario xa que, con apenas tres medidas como indicación, construían un sancosmeiro de centos de pezas que encaixaban á perfección… Hoxe en día, Manuel aínda segue a construír pequenas xoias de enxeñería naval a escala, que tivemos o pracer de admirar durante a charla á que asistiu alumnado de 1º A e B de Bacharelato coa súa profesora de Tecnoloxía, así como alumnado de FP Básica.

Booktrailer: O Achado do Castro

O vindeiro luns 7 de maio contaremos coa presenza de Manuel Núñez Singala que dará unha charla para o alumnado de 1º de ESO sobre “O achado do castro” e outra para 2º de ESO sobre “Noite de temporal”.

Imos preparándoa con este booktrailer sobre o texto máis lido no noso centro, feito pola alumna Clara Rey de 3º de ESO.

Animádevos a lelo se aínda non o fixestes!
 

Intercambio co IES “Eduardo Pondal” de Ponteceso (I)

O noso centro realiza durante o mes de abril e maio un intercambio co IES “Eduardo Pondal” de Ponteceso.
O día 23 de abril fixemos a viaxe a Ponteceso co alumnado de 3º da ESO para iniciar o intercambio. Fomos recibidos pola dirección do centro e despois de ensinarnos a Biblioteca e o centro en xeral, iniciamos un roteiro guiados polo profesor de Xeografía e Historia, Luís Giadás.
O percorrido foi a pé dende o centro ata a casa de Pondal onde a persoa que se encarga do seu coidado comentou ao alumnado todos os detalles relacionados co autor, a casa e a contorna.
De aí seguimos camiñando polo río ata as dunas e e praia da Barra, para continuar polos cantís cara a Valarés onde comemos todos xuntos. O alumnado aproveitou ese momento para confraternizar.
Tomamos o autobús para subir a Monte Blanco onde xa nos separamos.
Na viaxe de volta fixemos unha parada no Dolmen de Dombate para facer a visita guiada.
O alumnado do noso centro tiña que facer fotos e gravar para realizar unha reportaxe coa profesora de Lingua Galega, Noemí Pazó.

Charla «As artes de pesca»

Félix González Túñez é o director do Museo do Mar de Noia, iniciativa da asociación que leva catorce anos recollendo pezas relacionadas cos labores do mar. O museo instalou unha interesante exposición na entrada do instituto, con redes de máis de cen anos, maquetas de embarcacións, fotografías e gran diversidade de obxectos relacionados coa pesca e o marisqueo. A máis da exposición, o día 23 de abril Félix impartiu unha charla para 2º de bacharelato na que fixo un percorrido pola historia das artes de pesca na ría de Noia dende tempos dos romanos, explicando a evolución das diferentes artes e técnicas. Tras o coloquio o acto rematou coa lectura dun poema do colaborador do museo Emilio García Portosín e unha pitada de tifón, buguina e corno por parte dos asistentes.

Teatro: “Anagnórise”

Mércores 11 de abril: o alumnado de 4º e 3º da ESO asistimos a unha representación teatral sobre a obra “Anagnórise”, da escritora María Victoria Moreno, figura protagonista do Día das Letras Galegas deste ano. Dous actores formaban o elenco que presentou a obra como unha road movie, na que se nos contou a relación de Nicolau con Xulia nunha viaxe desde as Rías Baixas até Madrid. O espectáculo preséntase no desguace onde chegou o coche de Xulia despois do accidente que desencadea a Anagnórise. Dous operarios comezan a desmontaxe do coche e cada peza remitirá a un momento da historia.

Día de Rosalía de Castro

Como cada ano celebramos este día con varias actividades:
– Elaboración de pegatinas e carteis co debuxo feito por Uxía, alumna de 1º da ESO, a partir das palabras de Rosalía adicadas ao mar nos seus derradeiros intres.
– Elaboración dunha curta con alumnado de 1º da ESO e o profesor de Imaxe e Son Manuel Torres (en proceso de montaxe).
– Colocación de poemas e versos da autora por diversos lugares do centro.

Parlamento xove

Catro alumnas de terceiro de ESO participaron na fase clasificatoria do proxecto Parlamento Xove os días 23 e 24 de febreiro da man da profesora de lingua galega Noemí Pazó.

O tema era: «A educación ambiental nos centros educativos significaría evitar incendios como os acaecidos en outubro de 2017 en Galicia?»

Foi unha experiencia moi positiva na que tiveron que investigar e traballar as súas habilidades oratorias. Cabe destacar tamén a convivencia con centros educativos de toda Galicia.

O proxecto está conformado por un conxunto de encontros dialécticos que teñen por obxecto fomentar entre a xuventude o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias. Este ano levouse a cabo a 9ª edición.